martes, 10 de enero de 2012

Este domingo 8/01/2012 celebrouse a segunda xornada da fase de clasificación para a Fase Final do Campionato Galego de Seleccións Locais de Fútbol Sala en categoría base. No municipal de Xove enfrontáronse as seleccións de A Mariña como local e Lugo como visitante en categorías benxamín, alevín, infantil e cadete cun reparto desigual de sorte e resultados.
Despois dun brillante acto de presentación foi o turno para os mais pequenos, a categoría benxamín, a partir das 16:30 da tarde. Como premisa destacar que o empate beneficiaba á selección de Lugo posto que tiñan o golaverage a favor do partido que os enfrontou á selección de Lambre.
Saíron á cancha un pouco dubitativos os nenos dirixidos por Brenan Rivas, da ED Lourenzá, froito do cal chegou o 0-1 inicial, logo dunha contra. Aínda así pouco tardou Pol Bassa , do Burela Fs e estilete mariñán, en poñer táboas no marcador, facendo o 1-1. Cando mellor estaban os mariñáns e contaban con mellares ocasións chegaron dous novos tantos en contra, que subiron un escalofriante 1-3 ó marcador, a pesar de acumular os locais un bo feixe de ocasións e de contar os visitantes con so tres tiros á porta. Antes do descanso os mariñáns recurtaron distancias colocándose 2-3 e poñendo a clasificación a dous goles.
Na reanudación seguiron os mariñáns ameazando a meta lucense, cun continuo goteo de ocasións pero voltaron a ser os visitantes os que engordaban a súa vantaxe facendo un 2-4 que parecía enterrar as opcións locais. Aínda así Brenan e, sobre todo, os seus rapaces nunca se rendiron e comezaron a asediar con mais intensidade se cadra a portería lucense, froito do cal recurtaron distancia colocándose 3-4 con 8 minutos por diante e todo o vento e a grada a favor. Cunha presión asfixiante en toda a cancha dos homes de primeira linea, con Adrián e David roubando tódolos balóns dende o peche e con Joao baixo os paos transmitindo a mesma seguridade que Hugo parecía cuestión de tempo que os nosos nenos voltearan o marcador. Así as cousas, o 4-4 non se fixo esperar e ante a excitación que este supuxo entre o público e os propios xogadores, Brenan pediu tempo para tranquilizar os ánimos e dar as últimas instruccións de cara a acadalo gol definitivo a falta de cinco minutos. Despois de un vendaval por parte dos locais e outro bo feixe de ocasións para conseguilo gol da victoria o tempo rematou e o empate deu un inxusto pase ós lucenses e un amargo pero digno resultado ós nosos pequenos que o ano que ven, outra vez mais, tentarán superarse e desquitarse de dous anos de mala sorte e inxustizas.
Un aplauso moi forte para tódolos xogadores e o cadro técnico formado polo laurentino Brenan Rivas e ó viveirense Emilio Rosanes de AD Praia de Covas.
Era o turno agora para os alevíns, dirixidos polo focego da ACD Xove Francisco Vázquez e ós que tamén lles servía unicamente a victoria logo do seu empate fronte a Lambre. Foi un partido moi diferente ó anterior, no que a superioridade foi tal que dende o comezo se fixo palpable a superioridade local e os goles foron caendo polo seu propio peso, dada a distancia en técnica, táctica e dinamismo entre émbolos equipos. So co 5-0 o adestrador visitante foi quen de cambiar un pouco o guión ó introducir o ataque con porteiro-xogador, pero os locais sobrepuxeronse sen problemas cunha gran colocación e apretando moi ben o balón dende a primeira liña, chegando a ampliar a vantaxe ata o 6-0 final. Os goleadores mariñáns foron: Fran Fiallega da ED Pontenova cun triplete, Jorge Insua de AD Praia de Covas con dous goles e Paulo Gonzalez da ED Lourenzá cun tanto. Pese ó empate na xornada inicial, bastante enganoso, o cadro alevín foi o que mostrou nos dous encontros un xogo mais convincente e as ideas mais claras, polo que a súa clasificación parece máis que xusta.
Noraboa a tódolos rapaces e ó cadro técnico formado por Francisco Vázquez de ACD Xove e Carlos Méndez do Burela FS, que disputarán a fase final do campionato en Lalín o domingo 5 de Febreiro de 2012. Teñan moita sorte, aquela que faltou ós benxamines.
O terceiro encontro correspondía á categoría infantil, sendo o que se preveía máis igualado e coa baixa por parte mariñá dunha das súas pezas fundamentais, Asier, da ED Lourenzá que recaeu das súas molestias. Ó igual que no partido inicial ante Lambre, os visitantes eran superiores en altura e físico, polo que o encontro disputouse polos mesmos parámetros que o anterior, cunha selección local a remolque durante toda a primeira metade chegando nesta ocasión ó descanso cun desfavorable 2-3, Dani e Alex do Burela FS anotaron os goles mariñáns antes do descanso. Nesta primeira metade os locais foron anulados por completo, con dous moi simples e vellos recursos, defensa na media pista 2-2 e colgar balóns ó pivot para aproveitar a súa superioridade física. A falta de movilidade e apoios entre os xogadores locais facilitou a defensa e saída á contra dos lucenses. Na segunda metade, conscientes do que se xogaban, os rapaces de Christian Gómez Fustes, saíron con todo a polo partido, intentándoo de tódolos xeitos posibles pero non conseguiron no inicio máis que fallar ocasións e encaixar o 2-4 que poñía as cousas moi costa arriba, despois dun erro na circulación de balón. Foi entón cando os locais se sacaron tódolos complexos de enriba e comezaron a presionar como saben para conseguir sendos goles de Pablo Casas do Burela FS e Manuel Vázquez da ED Lourenzá, este dun forte escadrazo dende uns 15 metros. Quedaban uns 10 minutos e todo aínda por xogarse co empate a 4 goles. Sen embargo o enésimo balón perdido dos locais facilitou unha nova contra na que os visitantes se adiantaban e obrigaban ós locais a seguir remando. Pouco máis tarde Mamadou, tamén do Burela FS facía o 5-5 a falta de 4 minutos que devolvía tódalas opcións ós locais, que sen facer o seu vistoso xogo tiñan a clasificación a un gol, xa que o empate ó igual que nas anteriores categorías favorecía a Lugo polo golaverage. Nos catro últimos minutos os mariñáns non foron quen de batir a portería visitante polo que o a clasificación voou cara Lugo, logo dun partido regular por parte dos locais, no que so despertaron cando se viron coa auga ó pescozo e no que nunca encontraron a súa forma de xogar. Aínda así agradecer o esforzo a tódolos integrantes do plantel infantil e ó cadro técnico pola súa dedicación, o focense de AD Santiago de Foz Christian Gómez Fustes e o seu colaborador habitual Mario Pillado Mon.
O último turno da tarde correspondía á categoría cadete, na que a priori parecía favorito o conxunto visitante, que pouco a pouco foi plasmando esa condición no marcador, a pesar dos esforzos dos xogadores mariñáns, que so poideron maquillar o marcador. Adiantaronse os lucenses por partida dobre, o primeiro de forte disparo e o segundo nun grave erro da defensa local. A pesar do 0-2 os locais non se viñeron abaixo e o xogador do Burela FS Carlos Barbosa recurtaba distancias nun contragolpe, batendo por Baixo o porteiro visitante. Pero non foi mais ca un espellismo e os capitalinos voltaron a poñer terra de por medio ata colocarse 1-4 falta de poucos minutos para a conclusión. Só a falta de 50 segundos para o remate puido Diego López do Colexio O Pilar de Foz puido facer algo por recurtar distancias, subindo o 2-4 final logo dunha boa xogada individual.
Como en categoría cadete a selección de Lambre non presentaba equipo este partido era o único e definitivo para a clasificación, sen volta atrás, así que tampouco os cadetes se poden meter na fase final. Agradecerlles o esforzo feito os xogadores así como ó cadro técnico formado por Emilio González Escourido do Cidade de Viveiro e Jandri Rego.


¡NORABOA RAPACES!
 


Blogger Template By LawnyDesignz